Friday 03 de May de 2024

A alcaldesa faille entrega a Toni Silva do premio Pérez Lugín polo seu relato “Crónica negra a mil pulsaciones” sobre a violencia machista


«Crónicas desde o móvil: o xornalismo do século XXI» foi a temática escollida este ano pola Asociación da Prensa da Coruña

Inés Rey: “A responsabilidade social da información pasa pola veracidade,polo respecto e o xornalismo da Coruña demostrouno en varias ocasións nestes últimos anos”

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto de entrega do Premio de Xornalismo Alejandro Pérez Lugín na súa LXXXIII edición, celebrada esta mañá no Pazo Municipal de María Pita. O xornalista Toni Silva foi o gañador da edición co seu relato “Crónica negra a mil pulsaciones” sobre un asasinato de violencia machista. Rey, acompañada da presidenta da Asociación da Prensa, Doda Vázquez; fíxolle entrega do galardón da edición que tivo como temática «Crónicas desde o móvil: o xornalismo do século XXI». Rey lembrou que a invención do teléfono móbil hai medio século cambiou a forma de ver a vida e tamén a forma de traballar. “Ninguén pode entender a nosa sociedade sen a conexión que nos facilita a tecnoloxía” explicou, destacando os beneficios do acceso móbil como ferramenta, tamén para os xornalistas.

Porén, a alcaldesa aproveitou para alertar sobre o uso indebido dos teléfonos móbiles así como de internet, perigando os valores do verdadeuro xornalismo. “Un like nunca xustifica unha mala praxe” sinalou. A rexedora destacou a rigurosidade e bo traballo dos xornalistas da Coruña e trasladoulle os parabéns a toda a comunidade a través de Toni Silva. “A responsabilidade social da información pasa pola veracidade, polo respecto e o xornalismo da Coruña demostrouno en varias ocasións nestes últimos anos” concluíu.

O xurado estaba composto pola directiva da Asociación da Prensa da Coruña xunto con Eduardo Eiroa como representante do Concello da Coruña e Xavier Lama, gañador da pasada edición. O premio, dotado con 3.000 euros, está patrocinado polo Concello da Coruña. Recibíronse un total de 16 procedentes de diversos puntos da xeografía española.